Esta é unha plataforma articulada en contra da mercantilización do ensino público de este país.

miércoles, 4 de diciembre de 2013

Educación e Constitución Española





Mañán celébrase o 35º aniversario da actual Constitución Española e, como educador profesional, desexo expor neste blog algunhas das reflexións que este festexo suscita en min. Concretareinas na importancia que ten o realizar nos centros actividades de ensinanza-aprendizaxe relativas a este aniversario. Actividades que deberán ser interesantes para o alumnado e nas que o traballo cooperativo preséntasenos como a estratexia didáctica que se debería preferir. A convivencia pacífica e democrática dos españois constitúe un contido da maior importancia no currículo da educación escolar. Detereime, pois, nalgunhas consideracións ó respecto.

A educación, na súa parte máis coñecida, tradicional e social, pode identificarse, coas accións que realizan as xeracións maduras dunha sociedade co propósito de trasmitirlle ós membros inmaduros da mesma os valores que a substentan.

Son accións organizadas, desenvolvidas a varios niveis, entre os que cabe destacar estes tres: familia, escola e ambiente (rúa, medios de comunicación e outras comunidades de pertencia dos individuos).

Tales accións, en gran parte planificadas, comportan que os máis noviños teñan que iniciar un árduo vieiro de mellora de si mesmos. Este proceso, por expresalo dalgunha maneira, implica o gradual e continuo desenvolvemento da súa personalidade, tanto no plano físico e racional, como no emocional e social, sendo un dereito dos pais que os seus fillos reciban a formación moral e relixiosa que estea de acordo coas propias conviccións (Constitución, artigo 27)

Este proceso educativo, como se expón no Informe que realizou para a UNESCO a Comisión Internacional sobre a educación para o século XXI presidida por Jacques Delors en 1996, debe servir para a axudar a cada un a: “aprender a coñecer, aprender a facer, aprender a vivir cos demais e aprender a ser”. Aprendizaxes que, pola súa envergadura e extensión, podemos convir sen excesiva discusión,  requiren, e cada vez máis, o que se pode denominar “a formación ó longo da vida”.

Neste sentido cabe falar da absoluta necesidade da existencia de contextos democráticos, estables e pacíficos,  nos cales os valores de respecto á dignidade humana, liberdade, democracia, estado de dereito e acatamento dos dereitos humanos, sexan os máis sólidos fundamentos da organización social, e que, para ben ser, deben integrarse –permítaseme dicilo- en espacios máis amplos, como sería, no noso caso, o da Unión Europea (espacio no cal os cidadáns podemos estudiar, circular, traballar e residir libremente en calquera dos países que a conforman en función das nosas preferencias, necesidades e proxectos vitais (máis ou menos asumidos) a través dos cales buscamos, por medio da formación, o traballo e o aproveitamento do tempo libre a nosa autorrealización).

Mais…, as regras que, conforme ós valores anteriores, están presentes na organización e funcionamento dunha sociedade, para que teñan presencia real no convivir diario, precisan ser coñecidas, comprendidas e debidamente interiorizadas polos cidadáns.

Isto obriga a que sexan consideradas como un importante obxecto de tratamento no proceso educativo; o que equivale a dicir que, no ámbito escolar, ha incluirse o estudio da Constitución Española de 1978 como parte do currículum ou programas das materias que se imparten nos centros docentes.

Pero pode ocorrer, e de feito ocorre, que estes contidos nos programas escolares sexan vistos polos estudiantes como aspectos árduos e abstractos, perante os cales o máis práctico é memorizalos para os exames, olvidándoos parcialmente con posterioridade, xa que parece que a vida no seu decorrer habitual e diario non nolos esixe, ou pensamos que non nolos esixe. Polo que a motivación que logren os profesores, a importancia que se lle dea nas familias e o valor que se lle conceda na comunidade próxima, constitúen estímulos que, canto máis concordantes e concurrentes sexan, máis eficaces han resultar, e desde logo, non só nos contidos específicos da Constitución, se non que tamén darán bos froitos noutros aspectos do currículum escolar como é a convivencia pacífica que tanto nos preocupa e debe preocuparnos.


Camilo Ocampo Gómez

Secretario Provincial de Educación do PSdeG - PSOE de Ourense 

No hay comentarios:

Publicar un comentario